Saturday 27 de April de 2024

O Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña, recoñecido como patrimonio mundial do atletismo


A Coruña enfila a conta atrás para a celebración do Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez, que terá lugar este sábado na cidade.

Hoxe, na previa da proba, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, participou no acto de recepción aos atletas participantes, celebrado na contorna de Obelisco. Martínez estivo acompañada polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o expresidente da propia federación, Sergio Vázquez, que dá nome ao trofeo que se entrega no Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña; así como varios atletas inscritos na cita de mañá, como Sandra Arenas e Marc Tur. Tamén estivo presente unha lenda como Jesús Ángel García Bragado, embaixador mundial da marcha atlética.

No contexto do acto, descubriuse a placa conmemorativa que recoñece ao Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez como patrimonio mundial do atletismo.

Os mellores atletas mundiais do momento estarán presentes na trixésimo quinta edición do Gran Premio de Marcha Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez. Máis de medio cento de deportistas que participaron nos últimos Xogos Olímpicos de Tokio competirán na proba, xa un clásico do atletismo mundial. O Gran Premio comezará ás 16.00 horas coas probas de categorías inferiores, seguidas dos 20 km. femininos (17.00 horas) e os 20 km. masculinos (19.00 horas).